Inicio  |  Fotos  |  Noticias  |  Libro de visitas  |  Foro  |  Correo  |  Bandeira como páxina de inicio

  

 

BANDEIRA

I XORNADA DE XOGOS TRADICIONAIS

Sábado, 6 de setembro

I CAMPIONATO DE TIRAPEDRAS

Inscrición de balde, ata o venres 5 de setembro, ás 20.00 h.

Nos bares do pobo ou no teléfono 986585308 (de 8.00 a 15.00 horas)

TIRO Á CORDA

CARREIRA DE SACOS

O PANO

O BRILÉ

Inscrición de balde, na carballeira antes de cada xogo.

Xogo demostración: A ESTORNELA

I CAMPIONATO DE TIRAPEDRAS

REGULAMENTO:

- Categoría única: maiores de 20 anos.

- Tiradas sobre branco fixo, móbil e tarabela.

- Os tiradores/as formarán en escuadras.

- Distancia de tiro: 10 m.

- Número de tiradas por participante sobre cada branco: 5.

- A munición e os tirapedras serán subministrados pola organización.

- En caso de empate faranse 5 novos lanzamentos desde os 15 metros. Se persiste o empate faranse tiradas desde os 15 metros na modalidade de MORTE SÚBITA.

PREMIOS:

Para os tres primeiros clasificados.

Badana Gomas

Gallas

A PARTIR DAS 11.00 H TIRADAS DE ADESTRAMENTO.

 

TIRO DA CORDA

Os participantes repártense en dous bandos. No punto medio do adival atarase un pano, que se posicionará sobre unha liña divisoria riscada no chan. Cada equipo agarra o adival por un dos seus extremos. Os primeiros tiradores de cada grupo deben estar a mesma distancia da liña de zona, afastados algúns metros dela.

A unha sinal de inicio os equipos deberán tirar da corda, cada un no seu sentido, procurando arrastrar ao equipo contrario ata facelo sobrepasar a liña de zona. O equipo que o consiga é o gañador.

(*) Os equipos turrarán dándose as costas, é dicir, mirando cada equipo cara ao lugar a onde deben chegar para gañar...

 

CARREIRA DE SACOS

Cada participante na carreira métese dentro dun saco, aguantando o bordo coas mans á altura da cintura ou do peito.

Á sinal de comezo iniciará unha carreira a pulos. O percorrido será de ida e volta.

Se alguén perde o equilibrio ou lle cae o saco, debe parar de correr e colocar ben o saco antes de seguir.

(*) Saltando cara a atrás, en parellas collidos dunha man,...

 

O PANO

Participan dous bandos de igual numero de xogadores/as. Cada bando terá un capitán que asignará un número a cada un dos seus compañeiros, incluíndose el mesmo. Así, se xogan seis por cada equipo, numeraranse do un deica o seis, tanto nun bando coma no outro.

Delimítase unha zona de xogo mediante tres raias, afastadas uns cinco metros entre si, que dividen o terreo en dúas zonas. Os xogadores colócanse detrás da raia da súa zona, mentres que o xuíz se coloca a un lado sobre a liña do medio.

O xuíz estende o brazo ao fronte, sostendo na man o pano, e para xogar chama por un xogador, dicindo un número.

Un xogador é eliminado se:

- Colle o pano e é pillado antes de chegar á súa liña.

- Non é quen de pillar ao xogador do outro equipo, que colleu o pano, antes de que chegue á súa liña.

- Invade o campo contrario mentres o pano está na man do xuíz.

Despois de cada carreira, o capitán do equipo perdedor ten que asignar o número perdido a outro xogador, que así actuará baixo dous ou máis números. Se o capitán é eliminado, outro xogador calquera tomará o seu papel.

O xogo remata cando nun bando non quede ningún xogador.

(*) Podemos xogar como en Portugal, a puntos sen que ninguén quede eliminado.

 

O BRILÉ

Os xogadores forman dous equipos do mesmo número de xogadores.

Xógase cunha pelota de espuma de 16 cm.

A zona de xogo divídese en catro partes mediante tres liñas paralelas, dúas liñas de fondo e unha central, distando uns seis metros unha da outra.

Ao comezo da partida cada equipo sitúase no seu terreo de xogo, agás un de cada equipo (“brilado”) que se situará detrás da liña de fondo do equipo contrario. Unha vez que brilan a alguén do seu equipo estes xogadores pasan a ocupar a zona de xogo que lles correspondería nun principio.

Para comezar un xogador de cada equipo achégase a raia do medio, e un terceiro bota a pelota ao ar. Os outros dous saltarán para coller a pelota ou tirala para o seu campo.

O equipo que logra coller a pelota lánzaa contra calquera xogador do outro equipo, desde a súa zona. Se algún xogador é tocado pola pelota, está brilado e debe de situarse na zona de brilados do seu equipo. Máis se o xogador a quen ía dirixido o tiro, ou calquera outro, logra agarrar a pelota coas mans sen lle caer ao chan, ou collela despois de dar un bote, pode tirar a brilar, desde o sitio onde colleu a pelota ou achegándose á raia central.

Os xogadores brilados forman parte activa do xogo. Intentando brilar desde a súa posición ou pasándolle a pelota aos seus compañeiros co obxecto de “marear” aos contrarios.

Se un xogador no afán de non ser brilado se adentra na zona contraria, pode quedar brilado se alguén o toca coa man.

Non vale brilar de “raspa” nin de “bote”. Está prohibido tirar o balón á cabeza.

Gaña o equipo que brila a todos os contrarios.

(*) Xogar con dous balóns, os brilados pasan a xogar co outro equipo, os brilados sálvanse se brilan a alguén desde a súa posición, ...

 

A ESTORNELA

Xógase nun terreo grande e chan, con escasa vexetación ou desprovisto dela.

Precísase dun pau forte , dunhas dúas cuartas de longo, (“palán”) e dun máis pequeno, duns 15 centímetros e afiado polas dúas puntas (“billarda”, “estornela”,...)

O obxectivo do xogo é lanzar a billarda baténdolle co palán, o máis lonxe posible, sumando así varios puntos. Para afastar a billarda báteselle co palán nas puntas facéndoa saltar, é pícase ou remátase mentres está no ar, para arredala aínda máis.

Posto que este xogo presenta moitas variedades e un vocabulario de uso moi específico e distinto, segundo a zona onde se xogue, pretendemos recollelo, durante a xornada de demostración, tal e como se xogaba na nosa zona.

“Hai tempo, cando eramos nenas e nenos, temos xogado, na casa, na rúa, na carballeira, na praza,... a algún destes xogos. Hoxe, lembrando aqueles días, queremos volver a xogalos.

Máis alá do aspecto lúdico tamén está o seu valor cultural, como creación que son do noso pobo”.

 

ORGANIZA: Os de Sempre

COLABORA: Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP de Bandeira