|
|||||
Inicio | Fotos | Noticias | " target="_top">Libro de visitas | Foro | Correo | Bandeira como páxina de inicio |
O primeiro equipo federado
Era unha tarde de sábado coma outras moitas de calquera ano. Estabamos Manolo Oliveira e Carlos Cid dando unha volta pola Bandeira, cando de súpeto atopamos a Miguel de Remigio. Entón díxonos que Bandeira federara un equipo de fútbol de prexuvenís (infantís) e que comezaba a xogar ao día seguinte as 10 da mañá, e todos os demais domingos. Puxémonos moi contentos ámbolos dous xa que era unha cousa que desexábamos dende facía bastante tempo. Sempre nos gustou moito o fútbol e desexábamos xogar nunha liga, pero non contábamos en Bandeira con ningunha instalación para practicalo. En algúns pobos do redor si había campos de fútbol como en Lamela ou Silleda onde tiñan un equipo dende facía tempo, ou no mesmo Moalde. Pero en Bandeira só tiñamos o multiusos “campo da botica”. Era un campo duns 10 x 30 metros que o adicabamos a todo tipo de xogos: dende, por suposto, a xogar o fútbol, ata botar partidos de tenis, pasando por unha innumerable variedade de xogos. Era un campo pequeno, pero aínda me lembro que, de pequeno, tiñamos botado partidos de 11 contra 11. Foi o terreo de xogo que nos iniciou a todos os da quinta dos anos 1960-70 nesto do fútbol aínda que, por suposto, sen ter nin sequera unhas tristes porterías. Pero a ilusión pode mover moito, e as veces chégase a pensar que pasaría con eses nenos si houbera instalacións e alguén que houbese adestrado a xente no seu momento.
Pero voltemos ao momento en que Miguel avisounos do que nos ía ocupar os vindeiros domingos. A ledicia que nos invadiu foi maiúscula: que máis se pode pedir si non é que se cumpran as cousas que desexas. Todo era alegría entre os dous. Xa houbera equipo en Bandeira hai moitos anos. Alá polos anos 30 cando se formou o equipo de Lalín xogou o seu primeiro partido contra o Bandeira. Pero este ía ser o primeiro noso, e ademais o primeiro federado.
A liga estaba formada por 6 equipos:
· Bandeira
· Lamela
· Callobre
· Silleda
· Estradense
· Foxo
Pero (e sempre ten que haber algún pero en todas as cousas bonitas) tiñamos un lixeiro problema: eran as 4 da tarde do sábado e xogabamos as 10 da mañá do domingo, e só estabamos Manolo e mais eu para xogar. ¡Só nos quedaba por facer o resto do equipo!. Tiñamos que atopar polo menos a 10 rapaces de 12 ou 13 anos que xogasen o fútbol (e a poder ser que o fixeran ben) nas distintas demarcacións do campo e que podesen xogar todos os domingos pola mañá a partir de ese domingo, e todo esto ¡en 18 horas!. Menudo reto, pensamos nos. Para unha cousa que queremos, tiña que vir con algunha complicación. E por riba, seguro que algún xogador co que poderíamos contar estaría xa noutro equipo.
Puxémonos a buscar esa tarde coma tolos, pois ou era agora ou nunca. Buscamos entre a xente de Bandeira, e logo seguimos cos pobos do redor. Como nos temiamos nun principio, algunha xente xa xogaba no Lamela, pois non sabían da existencia deste novo equipo. Outros non se podían comprometer a vir todos os fins de semana. Pero buscando por un lado, preguntando a outros, e removendo todo o pobo e os de redor, puidemos xuntar os xogadores necesarios para poder afrontar a liga (xa que non nos esquezamos de que a xente tiña que vir todos os domingos). Reunimos xente de Bandeira, Moalde, Chapa e Rellas, un equipiño co que intentaríamos facelo o mellor posible.
Estabamos naquel equipo:
· Francisco Ansedes Domínguez (Porteiro)
· Sergio Maceira Balboa
· Carlos Cid González
· Manolo Oliveira Diéguez
· Miro
· Raul
· Juan
· Humberto
· Maceiras
· Brea
· Manolo Casal
· Calviño
o Adestrador: Miguel de Remigio
Moitos de nós non nos coñecíamos. Non nos víramos nunca, e polo tanto non xogáramos xuntos ningunha vez nin sabíamos como xogaba cada un. Miguel sería o noso adestrador, cousa nada doada visto o anterior. E máis difícil aínda si pensamos que non iamos ter adestramento durante a liga. Pero os inconvenientes sempre se salvan se se ten ilusión, e de eso iamos sobrados.
Aos desprazamentos para xogar os partidos levábannos algúns pais e diferente xente aos que estamos todos moi agradecidos, pois por riba os desprazamentos eran todos os domingos xa que como non tíñamos campo, xogábamos os nosos partidos en casa en Lamela, si estaba ocupado en Silleda e si non en Moalde. Dáse a curiosidade que contra o Lamela xogamos os dous partidos no seu campo, pero o que lles tocaba xogar a eles na súa casa ganárono e o que nos tocaba a nós na casa ganámolo.
Non eramos moi goleadores, pero gañábamos algúns partidos. Pouco a pouco fomos mellorando e o final faciámolo moi ben. Tanto foi así que quedamos terceiros na liga. O campión foi o Callobre, con ese gran equipo que tiña.
(Clasificación publicada no Correo Galego)
Nesa primavera, o flamante campión da liga invitounos a xogar un campionato no seu terreo: era para disputar o “1 Trofeo Santa Margarita”. (Ver o cartel). Nós aceptamos enseguida, aínda que cos resultados que tivéramos na liga con eles xa sabíamos que ía ser moi difícil arrebatarllo. Como nos fallou o porteiro por compromisos persoais, reforzámonos co porteiro García e co medio Saavedra, os dous xogadores do Lamela. O campo do Callobre era bastante pequeno, e a verdade, chegar dunha portería a outra era bastante fácil. Comezou o partido, e os únicos que atacaban eran eles. Nós defendiámonos como podíamos. E, por riba, nun córner nun salto e cun cabezazo maxistral, dos de libro, eses nos que hai que saltar e mover perfectamente o pescozo, Manolo marcou en propia meta un gol por toda a escuadra. Perdíamos 1 – 0, pero lonxe de contrariarnos, seguimos para adiante. E logramos o empate nunha xogada preciosa. E rematamos o encontro con este resultado de 1 –1, non sen antes sufrir bastante e con unha actuación memorable de García e de todo o equipo (e unhas boas doses de sorte).
E chegamos a hora dos penaltis. Comezamos a tiralos nos e eles faiaron un máis que nos: ¡ERAMOS OS VENCEDORES!. Ganarámoslle o Callobre o seu trofeo e na súa casa. Todo un logro para este equipo formado nunha tarde.
O equipo desfíxose ese mesmo ano, e cada un marchou para diferentes equipos, pois en Bandeira xa non había categorías superiores.
E un saúdo e o agradecemento a Miguel de Remigio que foi o artífice da idea e o noso adestrador e a toda a xente que nos apoiou, tanto moralmente como economicamente como acompañándonos en todo momento.
Carlos Cid González