NOTAS HISTORICAS DA VILA DE BANDEIRA.
Bandeira é unha pequena vila
situada no concello de Silleda, provincia de Pontevedra e no centro de Galicia
(España). Á capital do municipio (Silleda) séguelle en importancia o núcleo
Bandeira-Manduas (950 habitantes), pola súa estrutura urbana, a súa oferta
comercial e de servizos e as súas diversas funcións como centro dun grupo de
parroquias de boa economía gandeira e forestal.
Moitos falan da parroquia de
Bandeira, non obstante non é parroquia, aínda que relixiosamente funciona como
tal. O nome da parroquia é San Tirso de Manduas (debera dicirse Mándoas); con
trece entidades menores ou lugares menores de poboación. Bandeira é o núcleo
máis poboado cuns douscentos veciños e todos os demais arredor da parroquia
cuns 75 veciños. Adoptouse como patrón local a Santo Antón de Padua, sen
esquecer ao patrón principal, San Tirso.
Toda a parroquia está situada
nunha suave lomba moi erosionada entre o río Toxa, ao leste e o Cervañiña ao
noroeste, de altura media sobre o nivel do mar inferior aos 300 m. Bandeira está
situada nun terreo chan arredor dun nó de comunicacións para todas partes e
cerca da estación de FF.CC. Trátase dun núcleo que naceu en torno a unha gran
feira comercial celebrada o 14 e o 29 de cada mes.
Toda esta terra conserva restos
da cultura neolítica e da celta, aínda que foi pronto romanizado, como pode
observarse na metalurxia, nos enterramentos e na olaría. Despois da época
sueva pertenceu ao antigo condado dezao; pronto foi cristianizada xunto con
outras parroquias da comarca.
No ano 1171 construíuse a
antiga igrexa parroquial xunto coa de Abades e Dornelas, da que só se conserva
a portada principal en Manduas, dous fermosos retablos barrocos e a pía
bautismal na casa de Elías de Marrás.
No século XVII a casa Neira de
Ferrozos doou fincas á Igrexa e fixéronse presenteros
da parroquia ata o Concilio Vaticano II, que os aboliu. O último párroco
presentado foi Casimiro Rodríguez Abades, construtor do novo templo parroquial.
A entidade de poboación de
Bandeira é relativamente recente. No século XVII tiña uns seis veciños e non
se chamaba Bandeira, senón “O Fortín”, con edificacións moi pobres xunto
ao cruce actual. O seu nome alude á casa forte, de moi grosos muros e piso alto
con pequenas ventás para ser defendido con facilidade. Esta casa forte servía
de almacén ou tulla para recoller as rendas en gran da casa da Torre de Cervaña,
e posteriormente pasou ao
marquesado de Santa Cruz. Ata o ano 1950 coñecíase polo mesmo como "A
Tulla". Moitos veciños de Bandeira aínda a lembran.
Esta casa forte que deu nome ao
lugar –O Fortín– ten moito que ver coa feira que alí se celebraba desde a
Idade Media. Coñecíase como “Feira da Pomba” e a súa situación, durante
séculos, estaba localizada na chamada actualmente Finca de Valladares –Finca
da Pomba–, polo seu último posuidor que vive actualmente en Vigo. Esta
familia descubriu moitas moedas antigas ao labrar o vello terreo.
Bandeira era un cruce de camiños,
e por ela cruzaban o Camiño de Santiago –a ruta da Prata– por un lado e o
Camiño de Caldas cara a Lugo por outro. A poboación campesiña dos arredores
comezou xa na Idade Media a sentir a necesidade de encontrarse en incipientes
feiras onde se facían os intercambios de produtos como gran, froitas, peles,
la, ferro para as necesarias ferramentas, e onde se transmitían noticias
relixiosas dos señores e as súas loitas e os xograres facían cantaban as súas
coplas na lingua galega daqueles días, etc.
A mediados do século XVIII a
antiga Feira da Pomba cambiou de nome ao cambiar de situación uns 10 metros máis
ao leste, dun lugar pequeno, incómodo e húmido a un mucho máis seco e chan e
espazoso, na chamada carballeira do Rei, que era de dominio público, ao lado do
Fortín. Estas carballeiras do Rei chamábanse así por un decreto de Carlos II
onde ordenaba facer plantacións de carballos de madeira moi adecuada e
necesaria para a construción de barcos. Esa casa forte foi tamén unha gran
taberna no século XVIII co seu distintivo vermello de despacho de viños,
similar a “unha bandeira”.
A feira estaba agora situada
arredor da “Casa da Bandeira”, da que falan os libros parroquiais, e de aí
recibe a vila de Bandeira o seu apelativo. Aínda que a Enciclopedia Galega
ignora este nome, alguén pensou que era un nome estraño, e sen pensalo máis,
buscou algo parecido. Así naceu Lavandeira, topónimo abundante en Galicia,
pero neste caso sen razón algunha máis que para a confusión castelanizante.
Non podemos aceptar, por tanto, o nome que trae a Enciclopedia Galega, que o
deriva de Lavandeira.
A feira celébrase os días 14 e
29 de cada mes, e co tempo desde os seus inicios figuraría entre as máis
concorridas da Galicia interior Desta feira, á que Bandeira debe fama e
desenvolvemento, xa hai constancia no século XVII, e dela fala no XVIII Lucas
Labrada –no seu estudo económico do Reino de Galicia– como mercado
importante “de ganado vacuno, algún pescado fresco y curado, granos y pan
cocido”. Esa importancia veríase potenciada coa construción da estrada de
Santiago-Ourense contra 1850, e mantívose ata mediados do presente século,
pero apenas conserva xa poder de convocatoria, polos cambios operados na dinámica
feiral.
O 4 de maio de 1809 concentráronse
aquí os voluntarios de Trasdeza para organizar as partidas contra os
franceses,e aquí tamén reuniu as súas forzas «Cachamuiña» antes de
dirixirse a Ponteledesma. Estes e outros feitos históricos acentúan o
protagonismo desta vila, que hoxe ofrece unha imaxe moderna, con bos servizos
comerciais e culturais, ben comunicada e con algunha pequena industria, así
como a Banda de Música, o Centro Cultural, instalacións deportivas, un grupo
dedicado a recompilar o folclore ou a catalogar o patrimonio cultural –o seu
último traballo é un ‘estudo dos muíños’–, un club de petanca de
presenza rexional, etc. Hai algúns anos recuperouse a celebración da festa
carnavalesca do chamado ‘Alto dos xenerais’, unha antiga festa do Entroido
que se perdera no 36; a comisión organizadora dispón dun rico e variado
vestiario típico, que os xenerais locen nos seus desfiles, arengas e picantes
diálogos. Sabedeiro é así mesmo a Festa da Empanada, convertida en pouco
tempo na gran manifestación gastronómica de Trasdeza, cun crecente poder de
convocatoria.
Poderíamos escribir unha novela
moi movida e dramática coas historias e acontecementos que ao longo de 200 anos
teceron a vida desta vila de Bandeira, moi unida sempre á historia da capela de
Santo Antón.
¿Como foi a orixe da capela da
devoción e do padroado de Santo Antón, se antes aquí non había poboación?.
Segundo os libros parroquiais,
antes do século XVIII non había máis templo que a parroquial de Manduas. Ante
a gran concorrencia de fieis cando a misa caía en domingo, Cayetano Taboada
Ulloa, señor da Casa da Viña e xuíz ordinario da xurisdición de Trasdeza,
home relixioso, solteiro e moi devoto a Santo Antón, fundou unha capela semipública
no seu honor na Casa da Viña e outra no medio da feira de Bandeira, para
facilitarlle a misa aos fieis, e dotouna dalgunhas fincas e algunhas rendas.
Erixiuse
unha pequena edificación cunha bonita portada de pedra sen campanario, cunha
choca grande (campariata) de 18 libras
de peso colgada nun ferro curvado, sen sancristía, con piso de terra e sen
mobles , e con certa reticencia e oposición ao culto por parte do párroco, xa
que quedaba de lado a mesma parroquia de Manduas.
Para finalizar a construción
foille encomendada a xestión ao ancián párroco de Abades Joaquín de Espés.
Este queixábase de que as paredes eran tan pobres que parecían “as paredes
dun muíño”, xa polo ano 1875.
Non había campá nin sancristía,
nin ornamentos nin mobles. Algunha vez viña algún cura, sen contar co párroco,
para celebrar misa. Incluso algunha vez se gardaron nela as cabalerías e
trastes da feira. Ante tales abusos, interveu o bispo ameazando co seu peche se
non se acondicionaba convenientemente.
Arranxouse algo a pesar da
Guerra e a Desamortización. Ao final do século o Señor Amigo de Bazar
contratou a construción do campanario, Crisostomo Novo regalou as dúas campás
e María de Ferrozos construíu a sancristía con ocasión dunha operación cirúrxica
na que se empregou por 1ª vez aquí o cloroformo. Esta capela serviu ao culto
ata que polos anos 70 foi derrubada e que se construíu a actual capela, o salón
parroquial (parte do cal está alugado a un banco) e a casa reitoral con medios
moi limitados e certas oposicións.
Esta feira tan concorrida ata
hai poucos anos, ante as novas circunstancias sociolóxicas e falta de xentes de
empuxe con visión comercial, veu rematar nun comercio anónimo.
A cidadanía de Bandeira é unha
sociedade amable e igualitaria en xeral, sen tradicións parroquiais arraigadas
por ser unha vila de xente de distintas procedencias.
A parroquia de San Tirso de
Manduas, en cuxa demarcación xurdiu Bandeira, foi identificada polo
medievalista Piel como a “Mandolas”, que figura no nomenclátor suevo de
mediados do século VI, tras sinalar que o seu nome procede do latín amandola
(almendra). Di tamén o historiador xermano-luso que se coñecen tres moedas
visigodas do século VII, que foron cuñadas aquí. O que parece indubidable é
a antigüidade desta chaira como hábitat, desde o enclave de Campomarzo (¿Campo
de Marte?), onde López Ferreiro sitúa un campamento romano, ata o castro de
Silva e as mámoas próximas, ou os topónimos de Moa e Medelo. Tamén podería
apuntarse o lugar de Bravil como o da ilocalizada estación Brevis da vía
romana Caldas-Lugo.
A igrexa parroquial de Manduas
foi levantada nos anos trinta, de nova planta –a única na comarca con fachada
cara ao nacente–, pero incorporou a porta románica da súa fabrica orixinal e
algúns outros elementos. Segundo López Ferreiro, o seu primitivo arco triunfal
lembraba os de ferradura, e cando a visitan Campo e Mayer en 1909, describen así
o templo: “Es de ábside redondo, con bonitas ventanas, muchos canecillos
variados y hermosas puertas, sobre todo la lateral, que ofrece la particularidad
de tener la columna de un lado salomónica y otra cilíndrica, con estrías”.
No termo Bandeira-Manduas hai tres cruceiros de especial interese,
situados no vello cemiterio, no campo da feira e no lugar de Quintela. Dentro da
arquitectura civil, destaca a Casa da Viña, casona con portalón con ameas, na
entrada ao patio, escalinata, gran cheminea e capela exenta dedicada a Santo Antón;
na súa fachada presenta un grande escudo coas armas dos Gil, Taboada, Luaces e
o león coroado dos Valenzuela. Aquí naceu o escritor e político galego Ramón
Valenzuela (1914-l980), que sufriu prisión polas súas ideas tras a Guerra
Civil; en 1949 marchou a Arxentina, onde colaborou en diversas frontes coa
Galicia da emigración e do exilio, ata o seu regreso a España nos anos
sesenta. Entre as súas publicacións podemos destacar a peza dramática As
bágoas do demo, estreada en 1967 e o libro de relatos O
Naranxo, 1976.