Inicio  |  Fotos   |  Noticias  |  Libro de visitas  |  Foro  |  Correo  |  Como páxina de inicio

 

 
 

A Folla Revirada

Banda de música

Xirandola

Fortín da Pomba

Ramón de Valenzuela

Manuel Dopazo

José Vales

Coro Vales Mahía

AXENDA

VARIOS

 

 

Coro Vales Mahía de Bandeira

Despois de máis dun ano de traballo, o vindeiro sábado día 28 de xaneiro terá lugar a estrea do Coro Vales Mahía da Bandeira, unha formación integrada por corenta voces mixtas. A cita será no auditorio Manuel Dopazo ás 21.00 horas, coa interpretación dun repertorio variado que aglutinará distintos estilos e épocas musicais, dende o século XV ou XVI ata gospel, zarzuela ou temas actuais.

O proxecto botou a andar en setembro de 2010 por iniciativa da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, que con esta sección vocal amplía a súas posibilidades, contando xa coa Banda Xuvenil, de Veteranos e a Escola de Música.

Na presentación do que será o debú do coro, a presidenta da agrupación, Blanca Maceira, destacou a “gran acollida e interese que despertou dende o principio esta iniciativa”, que xunta a xente de moi diversas idades. “Logo dun ano de ensaio durante dúas horas todos os venres, comezamos a pensar que deberíamos de presentarnos aos nosos veciños, e así xurdiu a idea do concerto-estrea do vindeiro sábado”, sinala a presidenta.

Á hora de buscar nome para a agrupación, un dos integrantes, Alberto Maceira, lembrou que na localidade nacera o afamado tenor José Vales Mahía (Manduas 1896-Bos Aires 1976), ao que a Casa de Galicia na capital arxentina becou para estudar canto en Italia, chegando despois a actuar por todo o mundo en grandes teatros e auditorios colleitando un grande éxito. Ao mesmo tempo tamén se contribúe a dar a coñecer a figura deste importante persoeiro que da ademais nome á praza situada xunto a este auditorio.

O coro está dirixido por Cristina Taboada, veciña da parroquia silledense de Lamela e unha das poucas profesionais adicadas á música que conta en Galicia co título superior de Dirección de Coro, especialidade que cursou no Real Conservatorio Superior de Madrid e que suma ao seu brillante currículum. “É un proxecto que afronto con moita ilusión. Teño moita empatía cos integrantes porque teño actuado coa Banda da Bandeira”, sinala a directora que tamén asume a traxectoria “como un reto, xa que a maioría dos integrantes da formación non ten estudos de música, algo que suplimos cun traballo do que estou moi orgullosa”, engade a directora.

O concerto do sábado estará presentado por Nicolas Camino Huertas, fundador da Asociación Galega de Radiodifusión, e un dos pioneiros da Radio Galega, onde presentou durante anos espazos de referencia para corais e bandas como “Concerto Popular” ou “Así canta Galicia,” programa este último que tamén dá título a un dos seus libros.

Á presentación do primeiro recital, que tivo lugar hoxe na Bandeira tamén asistiu o director da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, Miguel Rodríguez Barrio, así como outros membros da directiva, da que forman parte Juan Ramiro Agra (vicepresidente); Javier López Caramés (secretario); Manuel Fernández Cerdeira (tesoureiro) así como varios vogais.

Así mesmo, no acto tamén interviron a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena e o concelleiro de Cultura, Matías Rodríguez da Torre, que apadriñaron este novo proxecto co que A Bandeira e o municipio amplían a súa oferta cultural e musical.

Da Torre destacou a mocidade dos integrantes da formación coral, “cunha medida de idade que vai contribuir a unha maior proxección de futuro”.

A alcaldesa, Paula Fernández Pena, que pechou a presentación, apuntou que, “por riba da aportación desta iniciativa a nivel cultural é de reseñar a ilusión que manifestan os integrantes da agrupación.